Proxecto de investigación e creación coa compañía Nononon.lab, formada por José Faro, Lucía Estévez, Xacobo Castro, Laura Iturralde e Montse Piñeiro, en coprodución co Centro Dramático de Galicia.
Clásicas Desfeitas é unha proposta que se desenvolve a través de tres personaxes pertencentes ao imaxinario colectivo e histórico, coa intención de configurar un retrato da humanidade moderna. A partir dos textos de Prometeo, Fausto e Frankenstein, conformamos un cadáver exquisito, multifacético e atemporal, que se move e nos guía arredor dun espazo común, permitíndonos desta maneira vernos reflictidas na súa totalidade. A premisa desta obra é a experimentación, polo que non se pretende acadar unha resposta sinxela sobre as nosas emocións ou o noso lugar no mundo, senón activar a busca dentro deste novo monstro dun lugar de reflexión e diálogo.























Para a creación desta peza partimos da premisa dun lugar común, un espazo colectivo onde non existe unha orde xerárquica entre creadoras e público. O tempo toma o control da proposta como secuencia de imaxes ou atmosferas onde as persoas presentes pasan a formar parte do espazo, convertíndose en significantes escénicos. Somos observadoras, actantes e obxectos de observación nun mesmo tempo.
Este non lugar ideámolo como maqueta, plano ou bosquexo, mutable e adaptable cara os outros lugares onde estas historias poidan volver acontecer. Escollemos este formato por ser o que se achega máis ao noso escenario, ficcionalizando o cotián para acadar a nosa realidade. No sentido procesual, enfocamos a nosa proposta como unha pequena artesanía, buscando no defecto a súa particularidade e personalidade propia fronte aos sistemas industrais que nos rodean. Un cadáver exquisito feito por moitas mans.
Esta criatura está conformada á súa vez por múltiples pezas: os refugallos que crean a cada personaxe teñen unha relación directa coa nosa memoria e as nosas intencións, e cada parte que decidimos representar destas mesmas personaxes forma na súa totalidade un novo ser forxado por nós.
Deste xeito, Prometeo, Fausto e Frankenstein encarnan as tres etapas da vida de calqueira persoa, dende o seu nacemento ata a súa morte. Así, na primeira fase atopámonos cunha imaxe clara e nívea, vencellada á aprendizaxe infantil e á percepción nítida da contorna. Esta inocencia rómpese en Fausto co frenetismo propio da chegada da adolescencia: convertímonos en seres sociais para os que calquera estímulo insignificante torna nun acontecemento de vital transcendencia, observamos a imperfección e o pecado, caen os mitos e os referentes, aparecen as dúbidas, a inseguridade, os remorsos e os grandes cuestionamentos sobre o anteriormente establecido. A impronta persoal prevalece sobre o aprendido. Frankenstein convídanos logo a reflexionar sobre aquelo que vivimos, moitas das sensacións da nenez voltan agora baixo o prisma da experiencia. É a etapa da introspección e do perdón, achegámonos á morte e aceptamos a dor para poder vernos tal e como somos.
Agora o monstro que creamos obsérvanos, móvese e pregúntanos cousas para as que non temos resposta.